Alicia López Pardo e as mestras da Montaña

  –  Publicaciones a-educacion-no-rural-en-galiza

 —  Todas as publicacións de Nova Escola galega

—  Nova Escola Galega

—   Cooperación en rede

—  Rede do rural

 


A galiña de Prados e as mestras da Montaña

Levaron a democracia ás aulas de Cervantes, Pedrafita, As Nogais e O Courel antes de que chegase ás urnas. Alicia López Pardo foi unha desas lembradas e queridas mestras que por primeira vez falaron en galego aos alumnos e que, no ano 1978, opuxéronse á unificación escolar cun plan pioneiro para a zona

Alicia López Pardo 1
Alicia López Pardo, coa galiña tan importante na escola dos Prados

 

Con que facilidade se pronuncian algunhas cousas, non si? A mestra Alicia López Pardo é especialmente contraria á palabra ‘innovación’, cando se usa aquí e acolá para falar do que xa estaba inventado, ou do que non é realmente innovador. Porque innovar non é colocar catro pantallas ou unha tablet nas aulas, senón esa tarefa que ela asumiu, canda outras mestras da Montaña, de pensar xuntas un mundo novo.

Alicia López Pardo 2
Alicia, co alumnado da zona

Todas as persoas que len estas liñas deberan saber de canto se convoca cando se fala das mestras da montaña. Deberan saber de Alicia dos Prados, de Isabel de Foxos e de Teresa de Busgulmar, as mulleres inseparables que a mediados dos anos 70 levaron a democracia ás aulas antes de que chegase ás urnas, que lles falaron en galego aos seus alumnos, que os subiron no Jeep do cura de Doiras, ou no Land Rover propio, para facer xuntanzas en Piornedo con outros nenos da comarca, e que ían con eles á herba ou ás vacas. As mesmas que encheron autobuses para ocupar o Goberno Civil de Lugo en contra das agrupacións escolares nesta zona e conseguiron que se aprobase un proxecto de escolarización para as zonas de montaña.

Se a innovación está dalgún lado é do seu, Pero Alicia, que garda tamén a memoria das súas dúas compañeiras inseparables, que xa non están, e das moitas outras que traballaron arreo en Cervantes, Pedrafita, As Nogais e O Courel, prefire falar de calidade, de boas prácticas, de memoria, a que elas recolleron da Institución Libre de Enseñanza, da Escuela Moderna, da pedagoxía de Célestin Freinet, «dos mestres e mestras que pagaron coas súas vidas a súa entrega».

O comezo

Como prendeu en Alicia López Pardo a chispa coa que hoxe atende o teléfono, indo e vindo entre Rubián de Cima, no Incio, e Paderne, na Coruña? A chispa coa que prepara actividades da asociación Roxín Roxal ou da Rede do Rural, coa que loita contra un e outro proxecto inxusto para Galicia? Con que lume medrou quen sempre seguirá sendo unha desas mestras da montaña?

«Para min foi decisivo coñecer a Uxío Novoneyra«, conta. Mentres estudaba en Lugo Maxisterio e tamén Enxeñería Agrícola, sen saber aínda moi ben o que quería facer, Alicia fixo unha visita á Casa da Fonte, en Parada do Courel, a casa natal á que volvera o poeta para coidar dos pais logo da súa segunda estancia en Madrid. «Viñen de alí transformada por aquel mundo, pola súa riqueza, pola súa humanidade», recorda.

E talvez a súa idea do que é novo achégase máis ben a ese verso do poeta: «… e inda é nova a Terra!». Esa capacidade do mundo de non estar completamente determinado, nin nos ollos que se asombran cada día, nin na forza do amor que o reinventa. E ela recoñeceuse niso, na terra, no amor, na mirada. E soubo que quería ser mestra alí mesmo, na Montaña.

Alicia López pardo 3
Encontros en Piornedo con nenos e nenas da Montaña.

Cando sacou as oposicións non saíron prazas para O Courel, pero si para Cervantes. Así que, podendo elixir practicamente o destino, elixiu a escola unitaria dos Prados, na parroquia de Cereixedo. «Ti toleaches», dixéronlle máis dunha vez. De feito, á familia contáralle que a trasladaran alí á forza. Pero a forza era a súa, e non había outra que puidese con ela. O mesmo Cacharro Pardo dicíalle, cando foi o seu mestre en Maxisterio, esa carreira que estudou dúas veces, polo plan vello e polo novo, que con ela non podía.

No 1975 chegou Alicia Pardo aos Prados. Coa súa melena, coa súa lingua galega para falar nas aulas, coas súa proximidade afectiva cos alumnos. Parecía unha alumna, e non a mestra, e a iso mesmo xogaban ás veces. Porén, tal foi o impacto que as familias acordaron falar co marido da mestra de Cela, coa idea de preguntar en Inspección. Pero este xa a coñecera, e soubera disipar as suspicacias. Alicia era mestra, era. Con especialidade de Primaria, de Ciencias Humanas e de Matemáticas. Máis tarde sacaría tamén a de Infantil. E, mesmo xa antes de oír falar de Freinet, a súa intuición pedagóxica e a súa mirada amorosa facíanlle saber que o que sucedía alí tiña que mudarse.

Sabía que a terra tiña que ser nova aínda para eses alumnos, reprimidos lingüisticamente. Sabía que tamén tiña que mellorar a mesma escola, cun arranxo que finalmente asumiron as familias. Sabía que as relacións tiñan que inventarse, cos alumnos, cos paxaros, coa vida enteira, que abrollou coma un rebento. Nos Prados, pero tamén noutras moitas escolas, porque «o noso era un traballo cooperativo, non individualista», comenta, e fala de catorce mestras, apoiadas pola meirande parte dos cregos que alí exercían, que seguían a Teoloxía da Liberación, e tamén polas monxas do Hospital, ligadas ao padre Mato.

Alicia López Pardo 4
Diante da escola

 

Resposta conxunta

No medio desta primavera, tiveron que enfrontarse ao proceso de concentracións escolares das Escuelas Hogar, un sistema que non se axustaba á realidade da alta montaña, e que supoñía o internamento do alumnado a partir dos catro anos. A resposta das mestras a este plan, do que apenas as familias tiñan coñecemento, foi a de crear outro específico para a Montaña coa colaboración de persoas expertas, de veciños, de voluntarios, e con moito en contra, xa que naquela altura a Garda Civil aínda disolvía en moitas ocasións as reunións.

Non se pode falar de Alicia sen amentar algo fundamental, ‘A historia da pita que elexíu a nosa escola para poñer’, o libro que escribiron os seus alumnos e que precisamente decidiron publicar no quinto congreso do Movemento Cooperativo de Escola Popular celebrado en Santiago, o primeiro da pedagoxía de Freinet en Galicia, onde se enterou do seu desterro a Canarias, o que provocou a resposta de todas as persoas asistentes.

A publicación, que tivo que demorar ata o 1986 para ver a luz, recolle esa historia que xa di o título, contada polos mesmos escolinos da aldea, que fixeron da pita unha compañeira, unha marabilla, un ser máxico nese clima pedagóxico aberto ao coidado e ao abraio da serra. O mesmo Novoneyra que, como a súa muller, Elba Rey, tivo sempre unha relación de fonda amizade con Alicia, adicoulle un poema a aquela pita, que dicía: «A galiña de Prados/ sabe onde pór/Libre de fados e mitos,/allea poderes e inmediatos coidados,/ non pon os ovos fritos/ e só pro seu señor./ Sabe onde pór os ovos que dan pitos».

 

Artículo de Nieves Neira   publicado el 17/nov/24 – Actualizado: 02/feb/25  en el diario el PROGRESO

https://www.elprogreso.es/articulo/a-montana/galina-prados-mestras-da-montana/202411171147311804586.html

Deja un comentario